O primeiro perímetro murado está datado
entre os séculos XII e XIII. Das 5 portas do recinto, só se
conservan 3, unha delas é por onde se fai a entrada e saída
de visitas.
Na zona máis elevada do recinto atopáronse tumbas antropomorfas
escavadas na rocha que deberon de estar baixo unha capela que foi trasladada
para construír o castelo.
As crónicas mencionan a importancia do barrio xudeu dentro deste perímetro,
que participou activamente contra o asedio inglés de 1386 e que foi
duramente castigado nas represalias conseguintes. A destrución da
documentación municipal anterior ao século XVI non permitiu
obter máis información.
A ladeira do recinto que descende cara o río foi a horta do castelo,
onde os traballos recentes de escavación atoparon cisternas para o
almacenamento de auga. Durante a década de 1960 estes terreos foron
convertidos en parque público con instalacións deportivas.
Un proxecto de 1987 converte este mesmo parque no Auditorio onde se celebra,
entre outras actividades, a
Mostra Internacional
de Teatro de Ribadavia.